The Pilot: uns auriculares con tradución automática

xoves, 19 de maio do 2016 Marcus Fernández

Waverly Labs está a desenvolver un produto que moitos consideran revolucionario, The Pilot, que vén a ser un auricular que achega tradución automática ao seu usuario, e que durante os últimos días conseguiu captar moitísima atención en Facebook, chegando millóns de visualizacións, o que levou aos seus responsables a dar rapidamente máis detalles sobre o proxecto, como que confían en comezar a ofrecer o produto a través dunha campaña de micromecenado en Indiegogo a partires do 25 de maio.
O prezo deste produto partirá de 129 dólares para as primeiras reservas, á que seguirá outra quenda de dispositivos a 149 dólares, para finalmente ofrecerse a todos os demais interesados a 179 dólares, prezos inferiores dos 249-299 dólares aos que pretenden vender comercialmente The Pilot no futuro.
Esta solución está baseada nunha aplicación móbil que esperan completar no verán, e que incluirá inicialmente linguas romances (inglés, español, francés, italiano...) para incorporar máis tarde linguas asiáticas, africanas ou de oriente próximo. O elemento de hardware estará composto por un par de auriculares acompañados por un cargador, estando prevista a súa produción para finais do outono ou primeiros do inverno.
O funcionamento inicial desta solución é que os interlocutores que queiran falar en dúas linguas teñan que empregar un dos 2 auriculares incluídos cada un, de xeito que o sistema só traduciría o que din os usuarios que teñen un auricular posto, aínda que nunha actualización futura prevén que o sistema traduza todo o que se escoite ao redor. Deste xeito búscase que dúas persoas poidan interactuar cara a cara, en vez de ter que falar por quendas a unha aplicación móbil.

Waverly Labs pretende vender os seus ariculares en varias cores

Vídeo de presentación dos auriculares tradutores de Waverly Labs

PUBLICIDADE