The Sexy Brutale terá versión para Nintendo Switch

luns, 31 de xullo do 2017 Marcus Fernández

En abril chamou bastante a atención o xogo desenvolvido en colaboración co estudio español, The Sexy Brutale, que chegou para Xbox One, PlayStation 4 e PC como un quebracabezas ambientado nun baile de máscaras presentando unha estética moi orixinal e coidada, que facilitou que gañase o favor do público e da crítica ao momento, e agora que está de oferta cun 50% de desconto en Steam sabemos que este título vai camiño de contar cunha versión para Nintendo Swtich, que como mínimo sairá á venda no Xapón o vindeiro outono.
Polo momento non hai detalles sobre o lanzamento europeo deste xogo para Nintendo Switch, pero resulta prometedor ver que os xogos deste tipo non teñen problemas para adaptarse á nova consola de Nintendo, que pode así ver como o seu catálogo se enriquece cunha chea de xogos independentes e orixinais que sen dúbida agradecerán os que compren tal máquina, xa que terán así garantida certa diversidade de xogos que vaian máis aló das franquías propias de Nintendo.
The Sexy Brutale é un xogo ambientado nunha mansión señorial inglesa do mesmo nome, que converteuse nun casino no que un grupo de convidados morrerán asasinados a mans dos serventes, o que deberá evitar o protagonista, o sacerdote ancián Lafcadio Boone, que mediante viaxes no tempo poderá coñecer as diferentes mortes para actuar en consecuencia e así evitar que se produzan. Temos así un xigantesco quebracabezas que irá desenredando un misterio agochado na cerna de The Sexy Brutale.

PUBLICIDADE