The Swindle terá versións para consolas de videoxogos
venres, 13 de febreiro do 2015
O desenvolvedor independente Dan Marshall leva un tempo traballando
en The Swindle, un
xogo steampunk sobre ciberdelitos,
que inicialmente só estaba previsto publicarse en Steam na súa versión para
ordenadores persoais, pero que finalmente grazas
ao traballo da editora británica Curve Digital terá versión para consolas de
videoxogos (PS3, PS4, PS Vita, Wii U e Xbox One).
Temos así que este xogo que mestura steampunk
e cyberpunk preséntase como un xogo con
edificios xerados por procedementos, no que hai que piratear ordenadores para
baleirar contas bancarias e fuxir rapidamente despois. Os cartos roubados
poderán investirse en biomodificacións e trebellos modernos de estilo steampunk como bombas, saltos en quad,
teletransporte, ollos biónicos e moitos máis, que axudarán a superar golpes
maiores e máis complexos.
Aparte da súa estética, este título quere atraer aos xogadores mesturando dous
ritmos moi distintos, de xeito que haberá que comezar as misións con sixilo, e
cando as cousas se complican haberá que fuxir a grande velocidade. O propio
autor definía o xogo como “unha especie de Spelunky
con algo de Deus Ex”, aínda que
recoñecendo que tamén ten toques de Sonic
the Hedgehog. Espera que poidamos gozar de The Swindle o vindeiro verán, recoñecendo estar emocionado por
poder ver o xogo nunha PS Vita.
Trailer do xogo