Thurya presenta o primeiro smartphone satelital con Android

venres, 13 de abril do 2018 Marcus Fernández

A compañía de telecomunicacións Thurya presentou esta semana o que aseguran que é o primeiro smartphone con conectividade satelital do mercado, o Thuraya X5-Touch, que funciona con Android e conta cunha pantalla táctil Full HD de 5,2 polgadas, converténdose nun produto moi axeitado para usuarios que se moven con frecuencia por territorios fóra de cobertura de telecomunicacións terrestres.
O Thuraya X5-Touch conta tanto con comunicación móbil como de satélite, operando en modo dual completo e con dobre SIM, de xeito que opera simultaneamente coa conexión de satélite e con modos GSM (2G, 3G e 4G), conseguindo así a conectividade máis completa do mercado. Ao estar orientado a un uso en lugares remotos, a súa pantalla tamén conta con protección Gorilla glass e o terminal conta con protección contra po e auga (IP67). O teléfono está equipado con batería de longa duración, integra botón de SOS e tampouco esquece cámaras frontal e traseira. Opera con sistemas GPS, Glonass e BeiDou para navegación e posicionamento, e tamén inclúe Wi-Fi, Bluetooth e NFC, polo que as súas prestacións serían moi semellantes a calquera outro smartphone, coa grande diferenza de estares equipado cunha antena para gozar de telefonía por satélite.
Polo momento non desvelaron nin a data de lanzamento nin o prezo que terá este produto que probablemente terá moi boa aceptación entre militares e profesionais que tenden a desprazarse a zonas remotas.

O Thurya X5-Touch presentouse esta semana en Dubai

PUBLICIDADE