Timex presenta nos EE.UU. un smartwatch deportivo

mércores, 6 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Estamos nun momento no que no mercado están establecidos numerosos reloxos deportivos á vez que emerxen os smartwatches, e dende Timex optaron por unir forzas con Qualcomm (compañía que xa ten o seu propio smartwatch) e preparar o novo Timex Ironman One GPS+, un reloxo deportivo con GPS integrado que tamén inclúe mensaxería sen fíos baseada no correo electrónico, e que pode facer un seguimento da velocidade, distancia e posición a todas horas, sendo capaz de notificar a amigos e familiares da nosa posición. A grande diferencia fronte aos seus competidores é que este reloxo conéctase directamente á rede de telefonía móbil, sen precisar o seu emparellamento cun smartphone.
O Timex Ironman One GPS+ ten un tamaño semellante ao doutros reloxos deportivos, unha pantalla táctil a cor de 1,5 polgadas (e que pode lerse sen dificultade en exteriores á vez que ten un consumo bastante reducido), resistencia á auga e incluso función para a reprodución de MP3 por Bluetooth (conta con 4 Gb de almacenamento interno). Para a sincronización dos datos dos nosos adestramentos non precisará da conexión cun ordenador ou dispositivos móbil, xa que o propio reloxo será o encargado de subir os datos aos servizos en liña que empreguemos. A súa autonomía co GPS prendido sería de até 8 horas, mentres que sen tal funcionalidade pode aguantar até 3 días seguidos sen cargarse.
Polo momento este trebello limita a súa comercialización aos EE.UU., onde se lanza en colaboración co operador AT&T (compañía que ofrece un ano de conexión 3G de balde para o reloxo), e aceptándose xa pedidos a un prezo de 399,95 dólares (299,40 euros).

O Timex Ironman One GPS+ é resistente á auga, polo que resulta ideal para actividades acuáticas

PUBLICIDADE