TomTom estrea un reloxo deportivo con pulsímetro integrado

xoves, 3 de abril do 2014 Marcus Fernández

TomTom presentou hoxe o reloxo deportivo Runner Cardio GPS, que destaca fronte á competencia por integrar un monitor cardíaco evitando o uso de ter que empregar unha cinta no peito para rexistrar as pulsacións, o que resulta moito máis cómodo para o usuario e permitindo así manter o exercicio dentro dunhas marxes de esforzo óptimas.
Para o rexistro das pulsacións o novo reloxo incorpora na súa parte interior un sensor óptico Mio que monitoriza o fluxo sanguíneo mediante luz a través da pel.
Este novo reloxo permite consultar a información da carreira en tempo real, ten varios modos de adestramento que poden seguirse mediante indicacións visuais, goza dun deseño extrafino e unha grande pantalla de 22 x 25 milímetros (cunha resolución de 144 x 168 píxeles), contrólase mediante un único botón, é resistente á auga e permite trasladar os nosos rexistros de actividades a numerosos servizos en liña. Conta con Bluetooth para comunicarse sen fíos con distintos sensores e a súa batería pode durar ata 8 horas con GPS e pulsímetro e ata 10 horas se empregar só o GPS. Está dispoñible nun modelo básico a un prezo de 269 euros e nunha versión multi-deporte (ideal para o tríatlon) por 299 euros.


Vídeo promocional do TomTom Runner Cardio GPS

PUBLICIDADE