Torchlight III estrea versións para PC, PS4 e Xbox One

mércores, 14 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Torchlight é unha serie de xogos de rol de acción moi apreciada polos amantes da saga Diablo, coa que comparte moitas características, polo que moitos ben as entregas de Torchlight como un complemento a Diablo, para paliar as esperas entre entregas ou, simplemente, para alimentar as ansias de xogos deste xénero, e agora, tras pasar por unha fase de acceso anticipado, chega Torchlight III a PC (Steam), PlayStation 4 e Xbox One, mentres que a versión para Nintendo Switch lanzarase dentro dunha semana.
Torchlight III ambiéntase un século despois dos eventos de Torchlight II, co Imperio de Ember en declive e cunha ameaza de invasión que volve sobre Novastria, o que lévanos a formar un equipo para viaxar á fronteira e enfrontarse a numerosos inimigos, aventura que podemos vivir pola nosa conta ou acompañados polos nosos amigos en liña.
No xogo atoparemos novas mascotas, armaduras, armas e moitos obxectos máis percorrendo alxubes ou vencendo terribles inimigos; poderemos construír os nosos heroes elixindo entre 4 clases heroes e 5 subclases de reliquias, podendo tamén recoller equipamento durante a aventura; poderemos construír e mellorar o noso forte; e tamén temos de volta as mascotas, ás que poderemos outorgarlle habilidades e darlle equipamento.
Cómpre salientar que, aínda que as primeiras entregas de Torchlight fosen de Runic Games (estudio desaparecido en 2017), desta volta o desenvolvemento correu por parte de Echtra Inc. mantendo a Perfect World Entertainment como compañía editora.

Torchlight III é un RPG de acción na liña do clásico Diablo que rexurde pese ao peche do estudio que desenvolveu as súas primeiras entregas

Tráiler de lanzamento de Torchlight III

PUBLICIDADE