Toshiba anuncia a súa nova tableta con Windows 10

martes, 13 de outubro do 2015 Marcus Fernández

A Surface Pro 4 parece o equipo a imitar de cara o Nadal, pero algúns fabricantes prefiren deixar clara a orientación da súa propia versión da proposta de Microsoft, como Toshiba, que co seu novo dynaPad busca unha potencia máis reducida, pero un peso e un grosor menores, dando así un maior protagonismo á portabilidade.
O Toshiba dinaPad é froito da colaboración entre Toshiba e Microsoft, e busca ser tanto un ordenador portátil cunha base-teclado ultra-delgada que poida resultar ideal para labores de creatividade grazas ao seu lapis Wacom sensible a 2.048 niveis de presión.
Este novo equipo está baseado nunha pantalla IPS de 12 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.280 píxeles, cun dobre recubrimento contra reflexos e pegadas dixitais, que busca converterse nun equipo 2-en-1 que tire un bo proveito de Continuum ao poder alternar entre uso como portátil ou como tableta, e que sairá en decembro no Xapón (a un prezo estimado de 130.000 iens, o que veñen a ser uns 954 euros), mentres que en Europa deberemos agardar ao primeiro trimestre de 2016 para velo nas tendas.
Toshiba ten claro que non ten nas mans un competidor da Surface Pro, e así equipa o dynaPad cun procesador Atom a 1,44 GHz e 4 GB de RAM, polo que pareceríase máis á Surface 3, pero presentando un maior tamaño. Pero os 569 gramos de peso e os 6,9 milímetros de grosor da súa tableta son factores moi atractivos, mantendo tamén unha grande portabilidade ao incorporarlle a súa base-teclado (engordaría até os 14,9 milímetros e 996 gramos, o que segue a estar moi lonxe dun portátil ordinario).

O dynaPad pode funcionar a xeito de tableta ou de portátil

PUBLICIDADE