Toshiba prepara un convertible económico con pantalla de alta definición e os novos procesadores Atom

martes, 15 de setembro do 2015 Marcus Fernández

O catálogo de lanzamentos de cara á campaña de Nadal dos fabricantes de equipos informáticos está a encherse de solucións convertibles que queren aproveitar a versatilidade de Windows 10, e algunhas das que xorden parecen bastante atractivas polo seu prezo axustado, o que poden facer moi popular o uso de portátiles a xeito de tabletas nos vindeiros meses. Un dos equipos que pode ter moito éxito a este respecto sería o Toshiba Satellite Click 10, que é unha sorpresa moi agradable, pois para ser un equipo económico, ten unhas prestacións bastante interesantes, principalmente porque parte dunha pantalla táctil de 10,1 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.200 píxeles, ou sexa, que estaría na liña do Full HD, algo pouco habitual en portátiles de gama media e baixa.
O novo ordenador estará equipado cun procesador Intel Atom x5-Z8300 de catro núcleos a 1,4 GHz (sendo un dos primeiros equipos en incorporar esta nova xeración de procesadores que prometen mellores gráficos e maior autonomía), 2 GB de RAM, 32/64 GB de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD), cámaras de 8 e 2 Mpíxeles, Wi-Fi N, Bluetooth 4.1, micro HDMI, altofalantes Dolby Digital Plus, 1 porto USB 2.0 na tableta e 2 portos USB 2.0 na súa base-teclado. Estas especificacións máis que suficientes para correr con fluidez Windows 10 para usos domésticos e ofimáticos, chegan neste equipo 2-en-1 que sae á venda a finais de mes nos EE.UU. a un prezo de só 349 dólares (309,74 euros).

PUBLICIDADE