Toshiba presenta un tablet económico con procesador Intel

martes, 27 de maio do 2014 Marcus Fernández

Para poder destacar entre os tablets de pequeno tamaño Toshiba presentou hoxe nos EE.UU. o seu novo Excite Go, que é un dispositivo con Android 4.4 e pantalla de 7 polgadas que permite aos consumidores facerse cun dispositivo de marca sen ter que realizar un grande investimento, xa que o seu prezo quedará nos 109,99 dólares (80,79 euros) cando chegue ás tendas no mes de xullo. Unha opción moi interesante para quen desexe un trebello moi transportable (pesa uns 355 gramos) capaz de correr aplicacións, navegar pola web e reproducir vídeo durante horas.
Estamos ante un tablet cunha resolución de pantalla de 1.024 x 600 píxeles, que funciona cun procesador Intel Atom de catro núcleos, 1 Gb de RAM, 16 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 128 Gb), a versión completa de OfficeSuite Pro e batería capaz de aguantar ata 7,5 horas de uso xeral ou ata 6 horas de reprodución de vídeo.

PUBLICIDADE