TouchFire quere facilitar o uso táctil do teclado virtual do iPad

martes, 25 de outubro do 2011 Marcus Fernández

A través de Kickstarter moitos proxectos buscan financiamento para converterse en realidade, destacando especialmente os produtos tecnolóxicos, que nalgún caso captan moitas miradas, como o TouchFire, un accesorio pensado para o iPad que pretende evitar a necesidade de cargar cun teclado externo para o tablet de Apple no caso de necesitarmos escribir textos de certo tamaño, optando por un lixeiro e transparente teclado de silicona que pode colocarse sobre o teclado virtual o iPad, para permitir unha resposta táctil semellante á dun teclado físico (o que permitiría teclear de xeito rápido sen mirar onde poñemos os dedos).

O TouchFire facilita o uso do teclado virtual do iPad como se fose un teclado físico

Este produto conceptual está pensado para poder transportarse baixo funda Smart Cover do iPad 2 (ou incluso no seu interior cando se emprega como soporte), polo que o seu atractivo é notable, estando actualmente na procura de financiamento para converterse nunha realidade, o que poderían conseguir en poucos días, pois xa están preto dos 9.000 euros recadados. Os usuarios que achegan dende 45 dólares poden facerse cun destes accesorios, podendo incrementar tal cantidade en función do volume de teclados que desexe e o seu destino, conseguíndose un aforro considerable en pedidos en lote e, por exemplo, de encargar 10 unidades dende España, sairían a un prezo inferior aos 27 euros cada unha.


Vídeo de presentación do TouchFire

PUBLICIDADE