Trackums, o smartphone para mascotas

luns, 31 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Moitas son as so1lucións de localización de mascotas baseadas en tecnoloxía móbil que hai no mercado, e agora chega a Indiegogo unha que quere ir máis aló, combinando máis funcionalidades como lanterna LED, conversa bidireccional, balizas xeográficas, etiquetaxe virtual e cámara de 2 Mpíxeles nun único trebello chamado Trackums, que busca xuntar 25.000 dólares para facerse realidade.
Este proxecto está a ofertarse por 120 dólares, prezo que inclúe o produto e un ano de servizo, aínda que haberá que agardar para ver se realmente captou a atención dos consumidores, que polo momento non parecen confiar cegamente na n-ésima promesa dun «smartphone para mascotas».
O produto é un pequeno dispositivo de 52 x 37 x 14 milímetros e 36 gramos de peso, cunha pantalla LCD de 1,22 polgadas cunha resolución de 240 x 240 píxeles, resistencia á auga (soportaría somerxerse até 30 minutos a un metro de profundidade) e integraría unha batería de 430 mAh. Esta especie de mini-smartphone con conectividade 3G colocaríase no colar da nosa mascota, empregaría a súa pantalla como etiqueta virtual (na que pode figurar o nome da criatura ou o seu enderezo) e non só permitiría localizar por GPS ao animal, senón que tamén poderá empregar unha aplicación móbil (para iOS e Android) para disparar unha fotografía en remoto a través da súa cámara de 2 Mpíxeles integrada, para así saber mellor onde está, ou incluso para acender a súa lanterna LED (facilitando as súa localización en lugares escuros).
Este produto tamén permite establecer balizas virtuais, ou sexa, que se a mascota se afasta da zona indicada o usuario recibirá unha alerta na aplicación.
O máis curioso é que realmente o trebello é un teléfono, ou sexa, que permite establecer unha comunicación falada bidireccional, o que pode servir para darlle instrucións (como mandarlle volver para dentro do fogar), pois resulta evidente que non se pode manter unha conversa telefónica cun can ou gato (aínda que no caso de que se perda tamén podería resultar práctica a solución para comunicarnos con quen atope á mascota).
Este produto está dirixido ao público estadounidense, pero de converterse nun éxito está claro que tardariamos pouco en velo á venda no resto do mundo, xa que a tecnoloxía na que está baseado está dispoñible globalmente.

Vídeo de presentación de Trackums

PUBLICIDADE