Trasno presenta a versión 7.0 de Debian e convoca voluntariado para ofrecela en galego
luns, 6 de maio do 2013
Tense dito que non hai alternativas reais a Windows
dende o eido da programación aberta. Ben, téñense dito moitas
mentiras relativas a case todo. Alternativas ao sistema operativo de
Microsoft dende o software libre hai un feixe delas, e entre as máis
destacadas está sen dúbida Debian, cuxa nova versión, a 7.0
Wheezy, preséntanos
estes días o colectivo Trasno. Esta nova achega do dito sistema,
unha ferramenta baseada no Kernel de Linux e impulsada por unha chea
de voluntarios de todo o mundo, chega tras moitos meses de constante
desenvolvemento e cunha serie de novidades moi a ter en conta. Por
exemplo, cóntanos Trasno, a súa compatibilidade multiarquitectura
(que nos vai permitir instalar paquetes dun abano variado de
arquitecturas no mesmo computador), a achega de recursos específicos
para habilitar nubes privadas e dun instalador mellorado e o
fornecemento dun “conxunto completo de códecs multimedia e
interfaces que eliminan a necesidade de manter repositorios de
terceiros”. A versión
7.0 Wheezy contará en breve con alternativa na nosa lingua.
Asemade, subministra importantes facilidades de
manexo e emprego, por exemplo a posibilidade de empregar software de
fala, o que é unha vantaxe moi interesante para as persoas con
diversidade funcional de tipo visual. A nova achega estará
dispoñíbel en 73 linguas (incluída a nosa), unha vez máis grazas
ao traballo de milleiros de tradutores de todo o mundo. Polo que se
refire á síntese de voz, presentarase nunha ducia de idiomas. Para
Trasno, é especialmente significativa a importancia de ter
galeguizado este software, e máis se tempos en conta que “Debian
é a fonte limpa da localización dos sistemas GNU/Linux de onde
beben moitas distribucións como Ubuntu”. Asemade, non estamos
a falar dunha tradución calquera. A comunidade Debian, engade o
colectivo, “é unha das máis esixentes á hora de
desenvolver procesos administrativos, dos controis de calidade da
terminoloxía e do estilo do galego no eido informático”. O
equipo galego está actualmente coordinado por Jorge Barreiro e
integrado sobre todo por trasnegos que están a facer todo o
que está nas súas mans por elevar o nivel de cobertura do galego
nesta e tamén noutras ferramentas libres de primeiro nivel. Con todo
e igual que noutros proxectos abertos, suxeitos a labores de tipo
voluntario, precísase colaboración da comunidade usuaria galega. De
feito, cómpre ter en conta que queda aínda traballo por facer,
sobre todo nos ámbitos da localización dos ficheiros PO de
documentación ou da propia web oficial do dito desenvolvemento.
Segundo explica Trasno, “Debian é unha distribución xestionada
de xeito exclusivo por voluntarios e para obter o software nun
determinado idioma cómpre constituír un equipo e organizar
unha xeira de traballo. Non abonda con simplemente traducir un
ficheiro xa que hai que ter os medios para sostelos actualizados e
por iso precísase unha colaboración de
longo prazo, tal como informa Debian
International”.