Trunfa en Kickstarter un proxecto para crear un soporte de aluminio para smartphones e tablets

mércores, 14 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Parece que a vaga de trebellos que conseguen ver a luz grazas ao micromecenado non cesa, e a empresa Ele está a ver como a súa idea de soporte para smartphones e tablets que poida empregarse en superficies como o parabrisas do coche ou a mesa da cociña conseguiu quintuplicar a cantidade que tiñan fixado como obxectivo (10.000 dólares) en apenas unha semana, quedando aínda 50 días para completar a campaña de captación de fondos que promete ser un grande éxito.
O eleMount é un pedestal de alta calidade (está construído en aluminio) que pode adherirse a calquera superficie lisa sen empregar ventosas e cunha articulación que facilita a orientación do móbil ou tablet que peguemos ao mesmo para ver contidos ou para colocalo sobre un trípode para tomar fotografías ou gravar vídeos.
Este curioso accesorio chegará ao mercado a primeiros de 2014 en dúas cores (negro ou prata) e modelos: o eleMount mini, que mide 81,5 x 61,5 milímetros e custará 69,99 dólares; e o eleMount normal, que mide 90 x 61,5 milímetros e custará 79,99 dólares. Quen desexe facerse con estes trebellos a través da súa campaña en Kickstarter poderán facelo por 60 e 69 dólares respectivamente, aos que habería que sumar 20 dólares de portes, polo que sairían nuns 60 e 67 euros respectivamente.

PUBLICIDADE