Trunfa en Kickstarter unha cámara de alta velocidade económica

martes, 7 de outubro do 2014 Marcus Fernández

O británico Graham Rowan, entusiasmado polas posibilidades das gravacións a cámara lenta, decidiu desenvolver unha cámara que permitise a realización deste tipo de vídeos a un prezo asumible, e para financiar o proxecto recorreu a Kickstarter, conseguindo completar o seu obxectivo de 20.000 libras esterlinas practicamente nun día, demostrando o interese do público por este tipo de produto.
Esta nova cámara leva por nome fps1000, ten un tamaño moi reducido (mide 71 x 71 x 28 milímetros) e só pesa 80 gramos, e comercialízase en 3 modelos diferentes en función da calidade do vídeo que pode rexistrar. Deste xeito, por 349 libras esterlinas (457,35 euros cos gastos de envío incluídos) podemos facernos co modelo SILVER, que grava vídeo de 640 x 480 píxeles a 840 imaxes por segundo (podendo chegar a 16.500 imaxes por segundo a só 64 x 64 píxeles) o que pode servir para introducirse nas producións en cámara lenta, aínda que o seu modelo seguinte, o GOLD, xa resulta máis práctico, xa que é capaz de gravar 200 imaxes por segundo a 1.280 x 1.024 píxeles e 290 imaxes por segundo a 720p, polo que xa serviría para vídeos de certa calidade, o que eleva o seu prezo ás 649 libras (839,53 euros cos gastos de envío incluídos).

Esta pequena cámara pode gravar a elevada velocidade conseguindo conter o seu prezo

Pero a cámara realmente atractiva é a fps1000 PLATINUM, que pode gravar vídeo a 2.560 x 2.048 píxeles e 75 imaxes por segundo, Full HD a 200 imaxes por segundo e vídeo a 720p a 550 imaxes por segundo, o que xa permite unhas producións impresionantes, aínda que para poder optar a tal cámara haxa que desembolsar 999 libras (1.285,42 euros cos gastos de envío incluídos).
As cámaras comezarán a remitirse aos seus mecenas en xaneiro de 2015.

PUBLICIDADE