Txtr, un lector de libros electrónicos con alta conectividade

luns, 26 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

A empresa xermana Wizpac anuncia que para o terceiro trimestre de 2009 comercializará o seu lector de libros electrónicos txtr, que de chegar a concretarse nunha realidade sería toda unha revolución que podería achegar a Europa unha experiencia semellante á do Amazon Kindle norteamericano.
Este lector baseado en eInk ten unha pantalla de 6 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles (o que se considera un estándar hoxe en día), un procesador Freescale a 532 MHz, un acelerómetro 3D para detectar a orientación da pantalla, lector de tarxetas microSD (incluirá unha de 4 Gb de serie), conexións USB 2.0, conectividade 3G/GRPS, Wi-Fi e de baixo consumo na banda de 2,4 GHz, Bluetooth 2.1 (para son, teclado externo e outras ampliacións futuras), batería recargable e tenda en liña integrada, de xeito que resultaría moi atractivo tanto para a lectura de libros como para o acceso a novas.
O dispositivo é compatible con documentos en formato ePub, PDF, HTML, Office e outros, e a súa estrutura é aberta, de xeito que conta cunha API para que terceiras compañías poidan desenvolver as súas propias aplicacións (¿edicións móbiles de xornais?).
O txtr parece un produto atractivo para moitos usuarios, pero nos EE.UU. terá difícil penetrar no mercado ante a popularización do Kindle (que se ve coma o iPod os lectores dos libros electrónicos), aínda que en Europa podería ter unha posibilidade de contar co apoio de medios de comunicación e editoriais.

PUBLICIDADE