Typo comercializa teclados para iPad

luns, 29 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Typo, a compañía creada pola celebridade Ryan Seacrest xunto a Laurence Hallier e Jonathan Goodrich, que conseguiu certa relevancia ao intentar comercializar un accesorio para iPhone que engadía ao smartphone de Apple un teclado no máis puro estilo dos de BlackBerry (atopando a oposición de BlackBerry para a súa comercialización), decidiu continuar o seu negocio orientándose ás tabletas da compañía da mazá, polo que xa teñen á venda o seu novo Typo iPad Air/Air2 Keyboard, unha funda-teclado para os iPad Air que está á venda por 189 dólares (170,32 euros) e que en breve contará con versión para iPad mini 1, 2 e 3.
Por fortuna, desta volta non tiveron oposición para a comercialización do produto, e curiosamente conseguiron destacar dentro dun tipo de produto no que xa hai moitos competidores actualmente, grazas á construción dun teclado de elevadísima calidade, que se comunica co iPad por Bluetooth e que consegue unha experiencia de uso moi semellante á dun teclado dun ordenador portátil, á vez que tamén protexe ao iPad durante o seu transporte, de xeito que a súa principal eiva non sería outra que o seu elevado prezo.
O teclado conta cunha bisagra magnética que engánchase ao iPad como outras fundas para a tableta de Apple, a súa batería interna recárgase mediante USB e poderiamos comparalo claramente coas fundas-teclado do Surface Pro 3, coa grande diferenza de que, ao ser o iPad Air unha tableta máis cativa que a de Microsoft, non podemos gozar dun teclado completo, pero estariamos ante a mellor aproximación posible coas inevitables limitacións físicas. Precisamente ao establecer comparacións coas fundas con teclado para as tabletas de Microsoft é cando podemos entender o elevado prezo deste tipo de accesorios, xa que as mesmas teñen un prezo oficial de 149,90 euros (aínda que inclúe touchpad, polo que serían máis baratas e completas que as de Typo), pero ao non estarmos ante un produto oficial pode entenderse a diferenza de prezo, que pagarán gustosos só os usuarios que queiran facer un uso bastante intenso do iPad Air para labores de produtividade.


Vídeo promocional dos novos teclados para iPad de Typo

PUBLICIDADE