USB Armory, un minúsculo ordenador para os amantes da seguridade informática

luns, 15 de decembro do 2014 Marcus Fernández

A empresa italiana Inverse Path está a buscar financiamento para facer realidade o seu USB Armory, un curioso dispositivo USB baseado en tecnoloxías abertas que, aínda que parece unha simple unidade de memoria USB, realmente trátase dun ordenador completo cun procesador Freescale i.MX53 ARM Cortex-A8 a 800 MHz e 512 Mb de RAM que pode correr aplicacións de seguridade informática.
Este trebello mide só 65 x 19 x 6 milímetros, aliméntase por USB (só precisa de 500 mA para funcionar) e conta cun lector de tarxetas microSD dende o que poder cargarlle unha distribución de Linux.
Pode configurarse para distintos usos, como unidade de almacenamento con características avanzadas (cifrado automático, anti-virus ou auto-destrución de datos), cliente OpenSSH e axente para postos inseguros, router para conexións VPN, ponte Tor, administrador de contrasinais cun servidor web integrado, moedeiro electrónico (compatible con Bitcoin) ou incluso para realizar auditorías de seguridade.
A campaña de micromecenado que promove este produto achégase xa á metade da súa meta (para a que faltan aínda 47 días, polo que parece garantido o seu éxito) e esta curiosa solución USB pode adquirirse por 130 dólares (140,49 euros), pasando a remitirse aos mecenas a partires do vindeiro mes de marzo.

PUBLICIDADE