Ultimate Marvel vs. Capcom 3 chega a Xbox One

mércores, 8 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Tras pasar por Xbox 360, PlayStation Vita, PlayStation 3, PC e PlayStation 4, chega por fin a Xbox One o xogo de loita Ultimate Marvel vs. Capcom 3, que ofrece a posibilidade de enfrontar a máis de 50 personaxes dos universos Marvel e Capcom en frenéticos combates en equipos de 3 contra 3.
Estamos ante unha edición do xogo que inclúe todos os contidos descargables que recibiu o título orixinal cando saíu na súa versión para consolas da anterior xeración, destacando tamén porque agora aproveita a potencia das novas máquinas para conseguir que os seus gráficos Full HD poidan moverse a 60 imaxes por segundo, conseguindo unha experiencia de xogo mellorada.
Este título permite xogar contra a máquina ou contra un amigo en local, pero tamén facilita o xogo en liña para entre 2 e 8 xogadores. Pode adquirirse en formato dixital por 24,99 euros, aínda que é posible que conte cunha edición limitada en formato físico, que polo momento só veu a luz nos EE.UU. e Canadá e, aparte dunha portada actualizada, tamén inclúe un cómic exclusivo de 10 páxinas no que contan a historia do xogo.
Ulitmate Marvel vs. Capcom 3 pode verse como a despedida da franquía dos gráficos en 2D, xa que é posible que a finais de ano recibamos Marvel vs. Capcom: Infinite, xogo que está a desenvolverse mediante Unreal Engine 4, ou sexa, que aínda que manterá as mecánicas dun xogo de loita lateral, contará con gráficos tridimensionais, o que supón un importante cambio para a saga.

PUBLICIDADE