Un accesorio converte os smartphones Moto Z nunha cámara instantánea

mércores, 15 de novembro do 2017 Marcus Fernández

Aínda que os teléfonos modulares non estean a ter unha grande aceptación, Motorola mantén viva a súa liña de smartphones Moto Z, de xeito que incluso este ano lanzou unha segunda xeración, e agora enriquecen esta liña de produtos un accesorio bastante rechamante: a Polaroid Insta-share Printer.
Trátase dunha impresora fotográfica compacta de Polaroid, que funciona con cartuchos ZINK, que pode incrustarse aos teléfonos da liña Moto Z, converténdoos nalgo semellante a unha cámara instantánea Polaroid, xa que permite levar ao papel as fotografías que tomemos co teléfono, aínda que nun tamaño moi inferior ao das fotografías tradicionais (5 x 7,6 centímetros), pero coa vantaxe de que son adhesivas.
A Polaroid Insta-share Printer mide 153,6 x 73,8 x 20,4 milímetros, pesa 188 gramos, integra batería de 500 mAh (capaz de imprimir até 20 fotografías cunha carga) e funciona con cartuchos ZINK de até 10 fotografías (que poden mercarse a un prezo de preto de 10 euros).
Este accesorio para os smartphones Moto Z comezará a venderse nos EE.UU: esta mesma semana, chegando ao resto do mundo nos vindeiros meses, aínda que os interesados nesta tecnoloxía non precisan de ter un Moto Z, xa que dende hai tempo comercialízase a Polaroid ZIP, impresora semellante á que se pon á venda esta semana, pero que funciona de xeito independente ao teléfono, comunicándose co mesmo a través de Bluetooth ou NFC, o que en moitas ocasións resultará máis cómodo, e en calquera caso é unha solución moito máis económica (a nova impresora venderase a 199,99 dólares nos EE.UU. e a Polaroid ZIP pode adquirise por pouco máis de 125 euros).

A impresora de Polaroid converte ao teléfono de Motorola nunha cámara instantánea

Vídeo promocional da Polaroid Insta-share Printer

PUBLICIDADE