Un accesorio de Griffin facilita empregar o iPad como punto de información

venres, 29 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios Griffin incorpora ao seu catálogo unha interesante solución que permite transformar un iPad nun punto público de información, o que pode resultar de grande utilidade para museos, tendas, bibliotecas, restaurantes e moitos outros locais públicos nos que os usuarios poderán empregar o tablet de Apple para visitar páxinas web informativas ou aplicacións feitas a medida que poden ir dirixidas ao público ou a usos profesionais.
O Kiosk de Griffin vén a ser unha carcasa que protexe o iPad de golpes á vez que permite fixalo fisicamente para evitar que o muden de sitio (ou o rouben), comercializándose en dúas versións que difiren na lonxitude da súa barra de fixación, que será é de 35 centímetros no caso do modelo para escritorio e de 1,2 metros no modelo pensado para colocar directamente no chan. Os seus prezos son de 199 e 299 dólares respectivamente, o que permite instalar un punto de información relativamente barato en case calquera curruncho (ocupando moito menos que os quioscos tradicionais).
Completa este accesorio físico unha aplicación que está á venda por 2,39 euros na App Store que permite identificar os iPad colocados en lugares públicos cun número ou nome, fixar unha pantalla de inicio personalizada, controlar o uso público do iPad para que só poida empregarse para acceder a páxinas web autorizadas, personalizar os elementos que serán visibles en pantalla e mesmo enviar alertas por e-mail no caso de que perda a conexión unha unidade, teña pouca batería ou estea sometida a unha forza excesiva. De todos os xeitos esta aplicación pode ser irrelevante no outono, cando chegue o iOS 6, actualización do software do iPad que vai incorporar un modo quiosco que fará boa parte destas funcións incluso dun xeito máis seguro, por ir integrada no propio sistema.

O accesorio de Griffin tamén pode resultar interesante para empregar como terminal de punto de venda
Un dos modelos do Kiosk de Griffin pode fixarse directamente ao chan

PUBLICIDADE