Un accesorio levará a dixitalización tridimensional do noso contorno ao iPad

mércores, 18 de setembro do 2013 Marcus Fernández

O accesorio ofrecerase en dúas cores distintas

A compañía californiana Occipital parece querer converterse nun dos grandes éxitos en Kickstarter para o que resta de ano, pois a súa proposta de creación dun accesorio para dispositivos móbiles que permite dixitalizar obxectos tridimensionais, xogar coa realidade aumentada e desenvolver aplicacións móbiles que fagan uso do mesmo para detectar o contorno tridimensional conseguiu superar os seus 100.000 dólares que tiñan marcado como obxectivo en só 3 horas, quedando aínda 44 días para completar esta campaña de captación de fondos que pretende facer que o produto sexa unha realidade en febreiro de 2014.
O Structure Sensor para iPad permite xerar modelos 3D de espazos interiores ou dixitalizar tridimensionalmente obxectos e persoas para poder trasladar os modelos a unha aplicación de deseño por ordenador ou a unha impresora 3D, aínda que tamén ten certo potencial como sistema para gozar da realidade aumentada con xogos que interactúen dun xeito especial co mundo real.

O dispositivo inclúe os complementos para poder enganchalo ao iPad

O accesorio pode captar os obxectos que estean a unha distancia de entre 40 centímetros e 3,5 metros, a súa batería recargable permítelle operar ata 4 horas de uso e máis de 1.000 horas en espera, e nun principio está deseñado para funcionar en dispositivos de Apple con conector Lightning (principalmente o iPad 4), aínda que será posible conectalo a dispositivos con Android, Windows, OS X ou Linux, pois ofrece controladores para varias plataformas.
O dispositivo ten unhas dimensións de 119,2 x 27,9 x 29 milímetros, pesa 99,2 gramos e funciona mediante sensores de infravermellos (dun xeito semellante a como fai o Kinect da Xbox) e ofrécese a través de Kickstarter non só para conseguir financiamento, senón tamén para poder chegar o máis rapidamente posible a desenvolvedores e early adopters, para que esta solución poida chegar máis adiante a unha audiencia máis ampla.
Neste momento pode conseguir un dos kits do Structure Sensor por 359 dólares (295 euros con gastos de envío incluídos), aínda que tamén ofrecen varios lotes dirixidos aos desenvolvedores máis impacientes (a prezos superiores) que permitiralles non ter que agardar a febreiro para conseguir o dispositivo, de xeito que poderían recibilo antes de rematar o ano.


Demostración do uso do Structure Sensor para a realidade aumentada

PUBLICIDADE