Un accesorio permitirá usar a PlayStation Classic con mandos sen fíos

luns, 10 de decembro do 2018 Marcus Fernández

A PlayStation Classic chegou ao mercado como unha PlayStation conmemorativa, en tamaño reducido e cun catálogo de 20 xogos precargados, e non só a selección de xogos é un elemento criticado nesta máquina, senón tamén o feito de que inclúe un par de mandos clásicos conectados cun cable de 1,5 metros, sen ofrecer a posibilidade de aproveitar mandos sen fíos para xogar, o que para moitos sería moito máis cómodo, de aí que non debería sorprendernos que 8BitDo vaia pór á venda un adaptador USB sen fíos.
Este novo accesorio, en contraste con outros semellantes para consolas mini, non converte os mandos incluídos coa consola e mandos sen fíos, senón que o que permite é empregar os mandos da PS4, PS3, Xbox One S, Wii, Wii U e outros coma se fosen mandos da PlayStation Classic (ou incluso como mandos USB de Switch, PC, Mac, Raspberry Pi, Android TV...). Este accesorio de 56 x 24 x 8 milímetros e 10 gramos de peso funciona basicamente como un receptor Bluetooth 2.1 por USB, que presenta unha estética que casa perfectamente coa PlayStation Classic, e que en Amazon.com xa teñen dispoñible en reserva a un prezo de 19,99 dólares.
Cómpre lembrar que 8BitDo xa tiña un dispositivo semellante, cunha estética que casa ben coa Nintendo Switch, que actualmente pode mercarse a pouco máis de 15 euros.

O receptor USB é compatible con numerosos mandos Bluetooth

PUBLICIDADE