Un anel desenvolvido polo MIT permitirá ler texto ás persoas con eivas visuais

martes, 15 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Dende o Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) desenvolveuse unha solución que permitirá que a persoas cegas ou con serios problemas de visión poidan ler texto impreso sen ter que empregar braille, consistente nunha especie de anel impreso en 3D que integra unha pequena cámara que recoñece as palabras que figuran no papel para despois lelas en voz alta mentres o usuario segue o texto co dedo.
Este FingerReader xa está na súa fase de prototipo, e sería unha das solucións máis versátil das vista ata o momento, por ser moi portátil, funcionando en combinación con outros dispositivos como ordenadores portátiles ou smartphones, facilitando así que non só puidese empregarse esta solución para ler libros na casa, senón tamén para acceder aos contidos dunha tarxetas de visita, consultar a carta dun restaurante... ler calquera texto que teña un tamaño superior aos 12 puntos. Amais, o FingerReader achega unha resposta vibratoria para que o usuario non se desvíe da liña na que está a recoñecer o texto.
Esta solución desenvolveuse durante 3 anos, e espera chegar en breve ao público como un produto final.


O prototipo de FingerReader visto en vídeo

PUBLICIDADE