Un anel quere converter a palma da man nunha interface táctil

luns, 3 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

O micromecenado continúa a achegarnos produtos conceptuais que buscan converterse en realidades comerciais, entre os que estes días está a destacar o Fin, un anel que permite converter a palma da man nun teclado numérico e nunha interface xestual para manexar distintos dispositivos a través de Bluetooth, que busca xuntar 100.000 dólares para ver a luz.
Para poder optar a facerse cun destes orixinais dispositivos (no caso de que o proxecto consiga trunfar nos vindeiros 19 días) podemos aboar 79 dólares (uns 73 euros con portes), co que recibiriamos unha versión para desenvolvedores do anel Fin no mes de xuño; mentres que a versión final do produto pode encargarse por 99 dólares (uns 88 euros) para recibirse no mes de setembro.
Este produto pode supor unha atractiva alternativa para controlar smartphones, televisores conectados, reprodutores multimedia... aproveitando as posibilidades de comunicacións de baixo consumo do Bluetooth 4.0; e aínda que posiblemente non pareza ser a mellor interface de control que podiamos empregar, existen escenarios nos que pode supor toda unha revolución, como o seu uso por persoas con deficiencias visuais (que están afeitos a sentir o mundo a través do tacto).
O anel será flexible e resistente a auga, funcionará cunha batería recargable cunha autonomía de ata un mes, integraría sensores para detectar os movementos do polgar (dedo no que debe colocarse) e sería compatible con Windows, OS X, iOS, Android e Windows Phone.


Vídeo de presentación do anel Fin

PUBLICIDADE