Un botón sen fíos permitirá activar Cortana en Windows 10

luns, 3 de agosto do 2015 Marcus Fernández

Coa chegada de Windows 10 a compañía Satechi anuncia un novo accesorio sen fíos, o BT Cortana Button, un botón que pode comunicarse por Bluetooth cos nosos dispositivos con Windows 10 (sexan ordenadores, tabletas ou smartphones) para que, cando o premamos, iniciemos a función de escoita do asistente persoal Cortana para poder darlle instrucións.
Deste xeito, en vez de empregar a función de escoita activa que inicia Cortana cando dicimos “Ola, Cortana”, este accesorio busca un menor consumo de batería para poder iniciar de xeito cómodo o asistente de Microsoft.
Este trebello está pensado para a súa colocación no escritorio, no volante do noso automóbil ou no guiador da nosa bicicleta, para así poder empregar comodamente as funcionalidades de control en mans libres dos dispositivos e equipos con Windows 10, incluíndo o botón un adhesivo e un soporte para facilitar a súa colocación en distintas superficies.
O BT Cortana Button funciona cunha pila CR2016 de grande autonomía (pode aguantar até 2 anos cunha conexión de Bluetooth activa) e Satechi vai comezar a comercializalo en breve a través da súa páxina web (e en Amazon.com) a un prezo de 22,99 dólares (20,96 euros).
Cómpre destacar que o mesmo fabricante tamén comercializa botóns semellantes pensados no seu uso con outros smartphones, tanto para invocar aos asistentes de voz como para o disparo remoto de fotografías ou o control multimedia.


Vídeo de demostración do novo accesorio de Satechi

PUBLICIDADE