Un de cada catro delitos coñecidos en Galicia é unha estafa informática

venres, 12 de agosto do 2022 S. P.

Soben na nosa terra os delitos online. Así, o reflicte o Balance de Criminalidade do segundo trimestre do ano, que a apunta a que furtos e estafas, con especial atención ás de tipo telemático, xa representan en Galicia máis do 50% do total de delitos cometidos. Máis polo miúdo, os datos advirten que entre xaneiro e xuño deste ano coñecéronse en Galicia 9.150 furtos e 16.011 estafas, das que 11.788 foron cometidas a través de medios telémáticos. Segundo advirte a Delegación do Goberno en Galicia, o peso desta tipoloxía penal no cómputo da criminalidade en Galicia segue sendo elevado e fai que un de cada catro delitos coñecidos en Galicia sexa unha estafa informática.
Da análise dos datos, a Delegación salienta o aumento dos delitos de seguridade viaria. Neste caso, subiron un 30,6% respecto ao ano pasado. Unha gran parte dos 2.306 delitos á lexislación viaria rexistrados en Galicia foron relacionados co consumo de alcol e drogas, tal e como advertiu a Comisión Autonómica de Seguridade Viaria na súa última reunión celebrada na Delegación do Goberno.
O informe completo cos datos por provincias, por cidades de máis de 10.000 habitantes e municipios de máis de 20.000 habitantes pode consultarse no portal estatístico de criminalidade do Ministerio do Interior.

PUBLICIDADE