Un dispositivo con Android 4.0 adopta a forma da vella PSP

luns, 8 de abril do 2013 Marcus Fernández

A popular tenda en liña DealExtreme incorporou ao seu catálogo a consola de videoxogos Megafeis G600, que destaca por ter unha aparencia externa moi semellante á de unha PSP de Sony, pero funcionando con Android 4.0 e tendo un prezo moi axustado (menos de 65 euros, con portes incluídos).
Este dispositivo conta cunha pantalla táctil de 5 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, procesador ARM Cortex A8 a 1 GHz, gráfica PowerVR SGX531, 512 Mb de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas de memoria de ata 32 Gb, Wi-Fi (IEEE 802.1g), saída HDMI 1.4 para poder ver os xogos (e contidos multimedia) no televisor e unha batería de 2.000 mAh que achega unha autonomía aproximada de 8 horas. Mide 19,5 x 8,6 x 1,9 centímetros e pesa 244 gramos.
Ao estarmos ante un dispositivo con Android, é compatible con numerosos emuladores, polo serviría para gozar de xogos para Nintendo 64, Game Boy Advance, Super Nintendo, Megadrive e moitas outras plataformas clásicas, o que dota de grande atractivo a este trebello que só polo seu formato xa resulta rechamante, e da que non sería descartable que fose capaz de correr xogos de PSP mediante a mencionada emulación.

PUBLICIDADE