Un dron permite o seu control a través do Apple Watch

luns, 22 de outubro do 2018 Marcus Fernández

A aplicación para Apple Watch conta coa funcións básicas de control do dron, incluíndo a selección de suxeito a seguir

O mercado dos drons de consumo é moi competitivo, e resulta moi complicado facerse notar cando existe competidores tan fortes como DJI, pero unha empresa californiana conseguiu chamar a atención co seu dron de voo autónomo Skydio R1, que entre as súas funcionalidades vén de engadir a posibilidade de controlar o trebello voador a través dunha aplicación para o Apple Watch e, incluso vai poder mercarse o dron nalgunhas tendas de Apple.
A aplicación para o reloxo de Apple permite elixir o obxecto que o dron debe seguir, permite controlar a rotación do dron coa coroa dixital do reloxo e facilita o cambio entre as distintas habilidades cinemáticas do dispositivo voador.
Este competente dron que é capaz de seguir suxeitos e esquivar obstáculos (para o que conta con 12 cámaras de navegación que permítenlle unha visión omnidireccional), conseguindo operar practicamente de xeito autónomo para que o usuario poida participar nas filmacións sen ter que estar preocupado pola pilotaxe do dron véndese nos EE.UU. e Canadá a un prezo de 1.999 dólares, e posiblemente mellore a súa distribución internacional tras demostrar que os seus responsables son quen de innovar en detalles como o seu sistema de control.
Este dron está equipado cunha cámara con sensor Sony IMX377 capaz de gravar vídeo 4K a 30 imaxes por segundo ou en Full HD a 60 imaxes por segundo. A cámara integra estabilizadores, inclúe 64 GB de almacenamento (de xeito que pode gardar até hora e media de vídeo 4K ou até 4 horas e media de vídeo Full HD a 30 imaxes por segundo. Pode controlarse co móbil a través de Wi-Fi (o que supón unha cobertura de até 100 metros de distancia) facendo streaming de vídeo en directo a 720p a 15 imaxes por segundo, contando tamén con funcionalidades de creación de vídeos de xeito áxil a través dunha aplicación móbil para así poder compartir rapidamente as nosas gravacións.

A aplicación para Apple Watch conta coa funcións básicas de control do dron, incluíndo a selección de suxeito a seguir

Vídeo promocional da funcionalidade que permite controlar o Skydio R1 mediante o Apple Watch

PUBLICIDADE