Un estudo revela que a meirande parte dos internautas non poden pasar máis dunha semana sen conexión á Rede
venres, 21 de setembro do 2007
A empresa internacional de publicidade, JWT, ven de dar a coñecer un estudo levado a
cabo nos Estados Unidos a pasada semana, no cal se indica que só un de cada
cinco usuarios da Rede pode “aguantar” unha semana sen conexión a Internet. O
resto dos 1.100 participantes do estudo declararon que poderían pasar sen
conexión a Internet entre un día ou menos (o 15 por cento), un par de días (o
21 por cento dos enquisados), e un terceiro grupo manifestou poder pasar
“varias xornadas” sen conexión á Rede (un 19 por cento).
Ademais
destas cifras, a enquisa desvelou que o tempo investido nas actividades en liña
diminúe en moitos casos o contacto cara a cara cos amigos, e incluso un 20 por
cento declarou que chegan a cambiar tempo de conexión a internet por encontros
sexuais cas súas parellas.
Compre salientar que ademais, o emprego da web
está a aloxar a xente doutras actividades “off-line”
coma ler, socializar, e até ver televisión, electrodoméstico que vén de
descender no ranking dos trebellos máis necesarios da casa, quedando moi por
detrás do ordenador (con obrigada conexión a Rede), e os teléfonos móbiles.
Segundo a directora de tendencia de JWT, Ann Mack, cando os internautas da enquisa se ven na obriga de prescindir da conexión á Rede chegan a sentirse “ansiosos, illados e aburridos” ademais de atoparse “desconectados do mundo, dos seus amigos e da súa familia”. Por outra banda, a executiva da firma dixo que tamén existe unha clara tendencia por parte do público xeral a precisar cada vez máis métodos de conexión portátiles coma os teléfonos intelixentes ou blackberrys.