Un lector de código de barras axudará ás persoas celíacas a evitar o consumo de glute

venres, 11 de marzo do 2011 Raquel Noya

Un lector de código de barras axudará ás persoas celíacas a evitar o consumo de glute O glute, esa proteína común que se atopa na semilla de moitos cereais e que é totalmente inócua para unha gran parte da poboación, pode chegar a ser un veneno para as persoas celíacas, ás que lles causa, entre outras cousas, retraso do crecemento, fatiga, erupcións na piel, vómitos ou mesmo cambios no carácter.
Para as persoas celíacas resulta difícil, en moitas ocasións, controlar os alimentos que conteñen glute e evitar así o seu consumo, porén a Federación de Asociacións de Celiacos de España (FACE), a través da súa páxina web, vén de poñer á súa disposición unha innovadora ferramenta que lles permite saber de inmediato se un produto contén ou non glute.
Trátase dun innovador lector de código de barras de alta fiabilidade que ten almacenada unha listaxe de alimentos aptos para celíacos, os cales identifica de maneira instantánea e indica se o produto consultado pode ser consumido con seguridade ou non.
A información que ofrece este peculiar lector procede da Listaxe de alimentos aptos para celíacos que a FACE edita anualmente, e onde se recollen todos aqueles produtos que as empresas teñan certificado como libres de glute.
Este dispositivo, que se puxo en marcha grazas ao proxecto Código EAN, funciona como un lector de código de barras normal, e para usalo, o usuario tan só debe achegalo á etiqueta do produto e observar as indicacións: se no aparato se acende unha luz de cor verde, significa que é apto para celíacos; se pola contra se acende unha luz vermella, significa que o alimento contén glute e polo tanto non é recomendable o seu consumo por parte deste colectivo.
As persoas interesadas en obter este dispositivo, deben solicitalo a través da páxina web da Federación, onde hai unha ligazón “servizos” que ofrece un formulario de solicitude para encher.
O prezo do lector é de 118 euros máis gastos de envío, e a maiores, o servizo ten un custe de mantemento de 6 euros ao mes, que inclúe a actualización periódica da listaxe e a súa descarga no dispositivo.

PUBLICIDADE