Un pequeno robot facilita a telepresenza aos máis novos

mércores, 26 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Romo, o pequeno robot baseado nun smartphone e fabricado por Romotive, actualízase, converténdose nunha orixinal solución de telepresenza, facilitando que unha persoa poida conectarse a este dispositivo a distancia valéndose dunha aplicación móbil para iOS ou dun navegador web Chrome de escritorio para poder interactuar dun xeito divertido cos cativos da casa.
Este dispositivo consiste nunha base motorizada de 14,224 x 11,43 x 7,62 centímetros na que colocar un iPod Touch ou un iPhone 4/4S/5 (o modelo compatible con iPhone 5 estará dispoñible o mes que vén) que pode controlarse de xeito remoto con vídeo valéndose de conectividade Wi-Fi e que no caso do iPhone 4S e 5 permite incluso realizar videoconferencia, o que supón un divertido xeito de superar distancias para comunicarse (aínda que as súas funcións de telepresenza van máis aló, permitindo que o usuario amose expresións a través da cara virtual que presenta a pantalla conectada a Romo, facendo a experiencia máis divertida para os máis novos). Deste xeito un pai pode desexar boas noites cando estea en viaxe de negocios, un avó pode xogar ás agochadas cos seus netos e incluso podemos amosar a un amigo o noso domicilio dende unha perspectiva peculiar (¿a vista de cadelo?).
O Romo incorpora unha batería recargable que permítelle moverse durante unhas 2 horas e está á venda por 149 dólares (aos que habería que engadir 50 dólares de gastos de envío, polo que a súa compra dende España custaría uns 152,40 euros).


Vídeo no que podemos ver o funcionamento da telepresenza con Romo

PUBLICIDADE