Un pequeno trebello achega Android 4.0 ao televisor por HDMI

venres, 18 de maio do 2012 Marcus Fernández

O dispositivo Cotton Candy de FXI, que presumía de introducir o sistema operativo Android no tamaño dunha memoria USB, xa ten alternativa de baixo custo, un trebello que responde ao modelo MK802 que está á venda a través da web por 74 dólares con portes incluídos (57,94 euros) e que, ao contar cun porto HDMI pode converter un televisor de alta definición nunha especie de Google TV. O pequeno dispositivo (mide 8,8 x 3,5 x 1,2 centímetros e pesa 200 gramos) conta cun procesador Allwinner A10 a 1,5 GHz apoiado por unha gráfica Mali 400, 512 Mbytes de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSD de ata 32 Gb), Wi-Fi, portos micro USB e USB e saída HDMI a 1.080p que funciona co sistema operativo Android 4.0 e pode controlarse mediante teclados e ratos sen fíos, polo que estariamos ante unha especie de ordenador en miniatura.
Aparte de pode achegar contidos da Internet ao televisor (o seu navegador web soporta HTML5 e Flash 10.3 e inclúe aplicacións como YouTube, Twitter ou Gmail) tamén pode empregarse como reprodutor multimedia cunha alta compatibilidade de formatos (vídeo en WMV, ASF, MP4, 3GP, AVI, DivX... chegando ata os 1.080p nalgúns casos e audio en MP3, WMA, WAV, MIDI, AAC, M4A...). Sen dúbida, un curioso xeito de achegar a Rede ao televisor, aínda que o feito de non incluír un mando a distancia pode reducir o seu atractivo.

PUBLICIDADE