Un proxecto de Kickstarter mellorará a versatilidade do iPad

venres, 22 de xuño do 2012 Marcus Fernández

O fabricante de accesorios modulR súmase á moda de Kickstarter como xeito de financiar os seus novos produtos, no que podería considerarse como un xeito de aceptar reservas de accesorios que parecen un éxito seguro, á vez que conseguen certa notoriedade. Deste xeito principia un proxecto en Kickstarter que busca xuntar 10.000 dólares antes do 20 de xullo (aínda que posiblemente cheguen a tal obxectivo en poucas horas) para fabricar os accesorios para iPad Swing Mount, Swind Mount Pro e Touch Case.
O Swing Mount é unha especie de soporte para iPad que permite abatelo e xiralo, permitindo instalar o tablet de xeito fixo en case calquera lugar. Aínda que o iPad pode extraerse desta orixinal base en calquera momento, pensando en usos profesionais como feiras ou puntos de información públicos contará cunha versión Pro que conta cun mecanismo de peche.
A Touch Case é unha funda protectora para o iPad que non só protexe o novo iPad ou o iPad 2 durante o seu transporte e uso, senón que tamén facilita a instalación de correas na mesma para levar o tablet pendurado e tamén conta cunha cuberta que pode servir de soporte para o iPad (dun xeito semellante a como fai a Smart Cover de Apple).
Todos os mecenas deste proxecto, aparte de poder adquirir produtos de modulR, recibirán de balde unha luva de neopreno que pode colocarse na parte traseira do iPad para garantir unha suxeición seguro do tablet, evitando que escape das nosas mans durante o seu uso.


Vídeo promocional do proxecto de modulR en Kickstarter

PUBLICIDADE