Un scanner 3D de man trunfa en Kickstarter

venres, 2 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días non paran de xurdir proxectos de micromecenado de dispositivos electrónicos que a poucas horas do seu inicio conseguen xuntar os cartos suficientes para facelos realidade, demostrando o seu interese por parte do público, o que tamén podería servir de indicador de viabilidade económica deses produtos (ao confirmar unha demanda dos mesmos antes da súa fabricación) e hoxe podemos dar conta de Fuel3D, unha solución que preséntase como o primeiro scanner 3D de man e en cor por menos de 1.000 dólares, que precisaba 75.000 dólares para poder ver a luz, cantidade que superou sobradamente nun par de días.
Aínda que as primeiras unidades (que entregaríanse en abril de 2014) podían adquirirse por 750 dólares, mentres que o resto xa teñen un prezo fixado que parte de 990 dólares (783 euros con gastos de envío) e non se entregarían ata o mes de xullo do ano que vén.
Aínda que os scanners 3D levan moito tempo no mercado, están dirixidos a mercados moi concretos (como museos ou usos industriais), pero a popularización das impresoras 3D fai que este tipo de dispositivos resulten especialmente atractivos, por facilitar o proceso de modelado 3D ao poder dixitalizar obxectos aos que podemos acceder fisicamente.
Pode parecer un tanto esaxerado encargar cun ano de antelación un destes scanners de man, pero o atractivo desta solución está claramente no seu prezo, pois mentres os dispositivos actuais teñen prezos duns 15.000 dólares, o Fuel3D estaría no contorno nos 1.000 dólares. Esta solución está pensada para dixitalizar numerosos obxectos e superficies, como caras, tea, plantas, pedra, madeira, alimentos, estatuas... como demostran nun vídeo no que podemos ver o potencial desta tecnoloxía:

PUBLICIDADE