Un smartphone chinés integrará dúas baterías no seu interior

mércores, 27 de maio do 2015 Marcus Fernández

Unha das principais eivas de moitos smartphones é a súa autonomía, e aínda que moitos usuarios o solucionan mediante baterías internas, un fabricante chinés sorprende dun xeito moi rechamante: integrando 2 baterías no terminal. Falamos do GiONEE M5, que é un terminal 4G con pantalla de 5,5 polgadas cunha resolución de 1.280 x 720 píxeles (o que debería ter un consumo contido) un grosor de 8,6 milímetros e un peso de 213 gramos, peso que sería clara consecuencia de albergar no seu interior unha batería fixa de 2.500 mAh e outra extraíble de 3.500 mAh.
Estamos ante un móbil de gama media que, se deixamos a un lado o seu peso excesivo, pode resultar moi interesante para usuarios que vaian pasar moito tempo afastados dunha toma de corrente eléctrica. O dispositivo non prescinde dunha versión de Android moderna (Lollipop), procesador de catro núcleos a 1,3 GHz, 2 GB de RAM e 16 GB de almacenamento interno ampliable, así como de cámaras de 8 e 5 Mpíxeles, o que sería dabondo para moitos usuarios.
Este podería ser o primeiro smartphone con Lollipop en integrar dúas baterías, aínda que polo momento non se anunciou oficialmente, pero é de agardar que non vexamos cousas semellantes no noso territorio, aínda que moitos amantes das baterías extraíbles poderían estar encantados con esta curiosa proposta semellante ao do Innos D6000, un terminal con KitKat que presentouse no Mobile World Congress e que tamén sumaba 6.000 mAh mediante a integración de 2 baterías (aínda que neste caso xa estabamos ante un terminal de alta gama con procesador de 8 núcleos, 3 GB de RAM e pantalla Full HD).

PUBLICIDADE