Un tabletófono chinés sitúase entre os smartphones con Android máis completos do mercado

mércores, 8 de maio do 2013 Marcus Fernández

Os fabricantes chineses continúan a achegar dispositivos que ben poderían ser de grandes compañías máis recoñecidas sen atendemos ás súas prestacións técnicas, como demostra o novo tabletófono Vivo Play, que apunta alto cunha pantalla Full HD de 5,7 polgadas, un procesador Qualcomm Snapdragon 600 de catro núcleos a 1,7 GHz, 2 Gb de RAM, 16/32 Gb de almacenamento interno, cámaras de 13 e 5 Mpíxeles, altofalantes estéreo, unha xenerosa batería de 3.400 mAh, un grosor de só 7,99 milímetros e 187 gramos de peso.
Este novo terminal móbil funcionará con Android 4.2.2 cunha capa personalizada polo seu fabricante e inicialmente vai venderse na China a un prezo que parte dos 2.996 iuans (370,62 euros) o que non parece unha ganga como outros móbiles chineses, pero é moito menos do que custan dispositivos semellantes doutros fabricantes (non esquezamos que supera en case todos os aspectos a un Samsung GALAXY Note II).

O Vivo Play ten unha liña elegante en boa medida polo seu grosor de só 7,99 milímetros

PUBLICIDADE