Un teclado mecánico integra Android para poder funcionar como un equipo autónomo

xoves, 5 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Nos anos 80 era normal ver como os ordenadores domésticos estaban integrados nun teclado, e conectábanse directamente a un televisor, e o actual estado da tecnoloxía facilita que poidamos recuperar o concepto de xeitos bastante innovadores, como co teclado retroiluminado mecánico OneBoard PRO+, compatible con equipos informáticos ordinarios, pero incluíndo no seu ordenador un sistema Android 4.4 completo, de xeito que podemos conectalo directamente a un monitor ou televisor, para funcionar de xeito autónomo para navegar pola web, reproducir contidos multimedia, xogar e moitos outros usos.
Este equipo está baseado nun procesador Rockchip RK3288 de catro núcleos a 1,8 GHz cunha gráfica Mali-T764, ten 2 GB de RAM, 16 GB de almacenamento interno ampliable mediante tarxetas SD de até 32 GB, saída HDMI, Wi-Fi N, Bluetooth 4.0 e 2 portos USB 2.0 (un para poder conectarlle un rato informático para poder manexar Android como se fose un ordenador).
O OneBoard PRO+ pode atoparse en tendas en liña como Banggood e Aliexpress a pouco máis de 260 euros con gastos de envío incluídos, podendo ser unha solución interesante para quen queira converter unha pantalla ou televisor nun dispositivo conectado á Rede e capaz de correr o inmenso catálogo de aplicacións que hai para Android (e coa vantaxe adicional de poder aproveitar o produto en equipos informáticos).

O OneBoard PRO+ pode lembrarnos ao concepto dos ordenadores domésticos dos anos 80

PUBLICIDADE