Un videoproxector para cativos

mércores, 31 de outubro do 2007 Marcus Fernández

O SuperCineXin era un proxector de cine doméstico dirixido ós cativos da casa que agora ten un relevo impresionante, o proxector de vídeo fabricado por Senario, que pode ser un complemento ideal para o lecer electrónico dos rapaces, xa que permite proxectar unha imaxe de ata 60 polgadas cunha resolución de 940 x 240 píxeles que, aínda que non resulte elevada, permite ver películas en DVD, imaxes de cámaras dixitais ou botar partidas coa videoconsola, xa que acepta entradas por compoñentes.
O Torpedo Projector ten un pequeno tamaño, inclúe un altofalante integrado (con control de volume) e funciona cunha lámpada de 35 W (doada de cambiar, e cun prezo moderado). Serve para proxectar imaxes tanto na parede coma no teito, polo que os nenos terán un sistema de cine en casa moi peculiar por entre 149,99 e 169 dólares (entre 103,79 e 116,94 euros).
Nos EE.UU. véndese en cadeas coma Wall-Mart, Target ou Bestbuy, polo que non sería sorprendente velo nas tendas españolas antes do Nadal.

PUBLICIDADE