Uncharted 4 será un dos xogos de PS Plus en abril

martes, 24 de marzo do 2020 Marcus Fernández

Nos últimos días soubemos de numerosos servizos de vídeo en streaming que reduciron a calidade das súas retransmisións para evitar a saturación das redes de telecomunicacións nun momento no que estamos a facer un uso masivo das mesmas por mor da reclusión xeneralizada para reducir o espallamento da COVID-19, e dende YouTube non só fixeron iso, senón que tamén mudaron o funcionamento do seu reprodutor de vídeo, que en vez de procurar a maior calidade de vídeo dispoñible a cada momento, configúrase en definición estándar de xeito predeterminado, buscando así que non realicemos un consumo excesivo do vídeo se non é preciso (podendo o usuario incrementar a resolución se o considera oportuno).
Pero o vídeo non é o único consumo masivo de datos que está a provocar o lecer doméstico, senón que os videoxogos tamén teñen un impacto significativo, e por iso dende Sony anuncian que para preservar o acceso a Internet da cidadanía, así como un bo comportamento do xogo en liña, están a reducir a velocidade das descargas de xogos.

PlayStation Plus en abril

Este anuncio coincide coa filtración dos xogos de PlayStation Plus para o mes de abril, que parecen querer compensar a mala situación que están a vivir os xogadores cunha selección de títulos moi superior ao habitual, xa que a partir do 7 de abril os usuarios de PS Plus recibirán os xogos Uncharted 4: El Desenlace del Ladrón, aventura que pon o peche das aventuras de Nathan Drake, e DiRT Rally 2.0, grande xogo de condución de Codemasters que ofrece a posibilidade de competir en liña até 8 xogadores simultáneos. Sen dúbida unha boa nova para os que gozan dos videoxogos para levar mellor a corentena.

DiRT Rally 2.0 permitirá levar mellor a corentena competindo contra os nosos amigos en liña

PUBLICIDADE