Unha app para drons de estudantes da UVigo faise co premio do segundo Hackathon Teleco 5G

venres, 3 de decembro do 2021 S. P.

DroneLink, unha aplicación que facilita o control remoto dos drones, é o proxecto gañador do segundo Hackathon Teleco 5G, unha competición organizada no marco do Plan Nacional 5G Teleco Vigo en colaboración con Red.es, as empresas Orange, Cinfo, Gammera Nest, Optare Solutions e Ancora Mobile, e o centro de investigación AtlantTIC.
Segundo informou a Universidade de Vigo, esta semana desenvolveuse a xornada de peche da competición e nela o equipo gañador, composto por Aarón Granja, José Manuel Rúa e Javier Otero, estudantes de cuarto curso do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación, presentou e fixo unha demostración desta aplicación móbil, unha ferramenta que facilita o control remoto e telemetría dun UAV (vehículo aéreo non tripulado) a través da rede 5G de Orange, achegando amais a posibilidade de proxectar en tempo real a telemetría nunha terminal que permita a execución da aplicación.
Nesta segunda edición do hackathon o reto tecnolóxico puxo o foco en empregar as redes 5G para desenvolver novas aplicacións para a Industria 4.0. A xornada de peche foi no salón de graos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e emitiuse por streaming. Presentada por Santiago Rodríguez, da firma galega Optare Solutions, o programa arrancou cunha charla de Felipe Gil, investigador do centro vigués AtlantTIC (UVigo), quen salientou algunhas das vantaxes das redes 5G nos procesos de industrialización, como pode ser unha maior flexibilidade na produción grazas a aspectos como a descentralización da toma de decisións. Presentou ademais diversos casos de uso nos que destacou as principais aplicacións e retos tecnolóxicos da 5G no ámbito industrial.
Tras a intervención de Gil, Alexandre Bastos de Ancora Mobile abordou o impacto do 5G na Industria 4.0 destacando tamén as principais funcionalidades clave ou “pancas de valor” desta tecnoloxía como a monitoraxe cun número masivo de dispositivos ou a asistencia remota ao traballador, o que “supón unha optimización de recursos e unha maior produtividade”.
Luis Rey, da asociación Ineo, centrou a súa exposición nos retos da dixitalización desde a industria salientando algúns deles como a cultura empresarial, a escaseza de talento ou persoal cualificado, a incomprensión da Industria 4.0, a ciberseguridade, a necesidade dun marco xurídico e normativo ou as barreiras económicas da transformación dixital, da cal considera que “é un medio, non un fin en si mesmo”.
Pola súa banda, Luis Martínez Suárez, de Digital Hunter, afondou no espectro para redes privadas móbiles en 5G, detallando as “bondades” que teñen para multitude de sectores e destacou “que se trata dun mercado para o cal se estima un crecemento dun 60% nos próximos cinco anos”.

PUBLICIDADE