Unha compañía española quere comercializar a impresora 3D máis económica do mercado

mércores, 27 de maio do 2015 Marcus Fernández

A compañía española Lewihe está a preparar o lanzamento da que aseguran que podería ser a impresora 3D máis económica do mundo, a Lewihe 3D PLAY, xa que este produto venderíase nun kit de montaxe por só 69 euros + IVE, aínda que non estariamos ante o prezo final, xa que esta sería a Maker Edition, que precisaría da montaxe por parte do usuario e da compra de compoñentes adicionais, aínda que esperan que haxa unha rede de tendas autorizadas que vendan o produto montado en diferentes configuracións e prezos. Buscan así conseguir a mellor relación calidade-prezo, así como un alto nivel de personalización.
O kit que comercializarán a partires do verán inclúe unha estrutura metálica, soporte para o extrusor, extrusor imprimible en arquivo .stl, superficie de impresión, baleas de metal, vídeo de montaxe e prezas imprimibles en arquivos .stl. Faltarían así 3 motores nema 14 e 1 motor nema 17, parafusos estándar de métrica 3 e 4 montadas cunha chave allen de 2,5 milímetros, unidades de rodamentos, poleas, correas, electrónica (ramps, SAV ou calquera que elixa o usuario), cableado e fonte de alimentación externa de 12 voltios e 4 amperes, de aí que sexa difícil precisar o prezo final que terá o produto (xa que depende de numerosos prezos).
Esta impresora 3D traballará con FDM, terá unhas dimensións de 250 x 210 x 210 milímetros, a súa superficie de impresión será de 105 x 105 x 130 milímetros e empregará filamentos ríxidos ou elásticos de 1,75 milímetros, sendo compatible coa meirande parte dos extrusores e hot ends do mercado, e podendo funcionar con software como Cura, Repetier, Pronterface, Octoprint e outros baixo Windows, OS X ou Linux.
Até primeiros de xullo Lewihe aceptará reservas na súa páxina web, para comezar a entregar os produtos no mes de agosto. Actualmente xa teñen a preto cento de empresas interesadas na distribución deste interesante produto que busca facer aínda máis accesible a impresión 3D.

PUBLICIDADE