Unha empresa chinesa comercializa monitores USB de tinta electrónica

luns, 26 de xaneiro do 2015 Marcus Fernández

A compañía chinesa Dasung Tech está a explorar o uso de tecnoloxía de tinta electrónica en monitores de 13,3 polgadas cunha resolución de 1.600 x 1.200 píxeles chamados PaperLike, e que poden conectarse a un ordenador de sobremesa ou portátil a través de USB para facer as funcións de monitor secundario sen precisar de alimentación adicional e coas vantaxes que ten a tecnoloxía E-Ink.
Aínda que a tecnoloxía de tinta electrónica ten unha velocidade de refresco moi lenta, neste caso conseguiron un funcionamento máis que aceptable, o que fai que estas pantallas poidan ser moi prácticas, por exemplo, para usos en contornos de grande luminosidade (onde as pantallas tradicionais non se comportan precisamente ben) e para, por exemplo, amosar información constantemente sen comprometer a autonomía dun equipo portátil. Estes monitores venderanse a un prezo de entre 3.999 e 5.999 iuans en China (568,98 e 853,54 euros respectivamente).


Vídeo no que podemos ver as pantallas PaperLike en acción

PUBLICIDADE