Unha empresa galega crea a primeira calculadora de soldos para móbiles Android e iPhone

xoves, 7 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A exitosa web galega www.calcularsueldoneto.com, da que falamos en Código Cero por ter recibido máis de 40.000 visitas nun só mes, volve a ser nova a destacar na nosa web por dar o salto a telefonía móbil e converterse nunha aplicación dispoñible case dende calquera punto da xeografía.
E é que a idea de calcular o soldo neto que se instalou hai uns anos en Internet, vén de adaptarse agora ao sistema operativo de Google para teléfonos móbiles, Android, converténdose así na primeira calculadora de soldos do mundo dispoñible no market place de Google.
Xa dende o pasado mes de outubro, esta ferramenta informática foi valorada moi positivamente (co máximo da puntuación, cinco estrelas) polos propios usuarios de teléfonos Android e grazas a esta “excelente acollida”, Adiante Ventures pasou a adaptar esa mesma aplicación para teléfonos iPhone a un prezo de 0,79 euros, acadando un gran número de descargas durante o primeiro mes de lanzamento.
A aplicación, ao igual que a web do mesmo nome, proporciona un cálculo do soldo neto mensual a partir do soldo bruto anual en España. Con datos actualizados a IRPF 2009, os usuarios poden consultar a nómina de maneira rápida a partir das características máis habituais dos traballadores ou de maneira máis precisa se se inclúen os detalles persoais de cada usuario.
Os resultados, ademais de mostrar o soldo, mostra outros datos como a retención do IRPF ou da Seguridade Social.
Asemade, e xa pensando nos usuarios de iPhone de todo o mundo, a mesma empresa vén de publicar Net Salary, outra calculadora que lle permite ás persoas usuarias calcular o soldo neto nos 24 países máis importantes do mundo e en 15 divisas diferentes, unha ferramenta que, segundo veñen de anunciar os seus creadores, “moi pronto estará dispoñible tamén para teléfonos Android”.
Na imaxe, as aplicacións Calcular Soldo Neto para Android e para iPhone.

PUBLICIDADE