Unha empresa provedora de banda ampla desconecta a usuarios abusivos
martes, 11 de setembro do 2007
Os Estados Unidos están a pasar por un momento
difícil no que se refire ás telecomunicacións, máis concretamente ós servizos
de banda ampla de dito país, xa que as necesidades de amplitude dos usuarios
está a medrar moito coa chegada da televisión de alta definición e das partidas
en liña de xogos cada vez máis complexos. Fronte a esta situación, a compañía Comcast
optou por cortar polo san e desconectar a quen faga “uso excesivo” do seu servizo “ilimitado”
de conexión a Internet.
Polo visto, no país da liberdade a banda ampla
adminístrase de xeito cuasi
socialista, xa que segundo informou Yahoo! o pasado
sábado, a empresa decidiu desconectar a estes usuarios ós que co seu intensivo
uso da rede fan que a velocidade da mesma “diminúa
para o resto de clientes”.
Se ben o caso está a crear certa polémica, e
como era de agardar xa chegou os tribunais, o voceiro da empresa, Charlie
Douglas, dixo que os casos de desconexións “son
moi escasos”. Malia todo, asegurou non poder dar “un número exacto” de clientes ós que a empresa xa non achega
servizo de Internet. Estes “casos escasos”
xa están nos blogs,
e, nalgúns casos, xa se ten falado deste tipo de condutas dende o primeiro
terzo deste ano, unha marxe de tempo abondo como para que os donos das empresas
puideran tomar algunha medida máis xusta cá devandita desconexión.
Crónica
dunha desconexión anunciada
Polo visto, tras detectar os “usos abusivos” da conexión a Internet, a
empresa dá ós seus clientes “problemáticos” un período de un mes para: ou ben “amañar os problemas” ou ben actualizar o
seu plan de conexión, é dicir, pagar máis. Logo deste prazo, se non se chega a
un acordo, interrómpese o fornecemento do servizo. Tal foi o caso dun dos clientes
do barrio de Rockville, en Washington, que vén de iniciar un litixio coa
empresa xa que no seu contrato figura a contratación de “acceso ilimitado a Internet”. Por outra banda, un estudo realizado
pola empresa de medicións ABI
market research indica que a demanda da televisión de alta definición e doutros
servizos como o intercambio de arquivos ou os ditos xogos en liña está a levar
a un “falta de capacidade crítica”
por parte das empresas para satisfacer as necesidades dos consumidores. O
director desta empresa de medicións, Stan
Schatt di que a situación é coma a dun “vendedor
de verduras que tenta meter catro quilos de patacas nunha bolsa na que só
entran dous”, o que podería levar axiña a un “estado de crise”, algo que
polo de agora constitúe “un pequeno e
sucio segredo da industria do que ninguén quere falar”.