Unha funda engade notificacións luminosas ao iPhone

mércores, 30 de abril do 2014 Marcus Fernández

Estes días está a desenvolverse unha campaña de financiamento de Concepter en Kickstarter para conseguir facer realidade a funda Lunecase para iPhone 5/5C/5S que busca dar utilidade á parte traseira do terminal, conseguindo completar o seu financiamento en poucos días, polo que no verán este accesorio poderá ver a luz, acadando posiblemente unha resposta do público moi superior ao agardado.
Esta funda para iPhone aproveita a enerxía electromagnética para alimentarse, sendo capaz de identificar cando o móbil recibe unha chamada ou unha mensaxe de texto, iluminando unha icona mediante LED na súa parte traseira, indicando o tipo de comunicación recibida, o que pode resultar de grande utilidade para cando temos o móbil en silencio sobre a mesa durante unha xuntanza (por ser unha notificación bastante discreta).
A funda Lunecase distribuirase en cor branca ou negra e neste momento é posible encargar unha por 39 dólares (uns 32 euros cos portes incluídos), recibíndose a partir do mes de agosto. Rematada esta campaña agárdase que a funda poida adquirirse a un prezo de 50 dólares.

A funda pode acomplarse a smartphones iPhone 5, iPhone 5C e iPhone 5S
A notificación luminosa desta nova funda permite diferenciar se recibimos unha chamada ou unha mensaxe de texto


Vídeo de presentación da Lumacase

PUBLICIDADE