Unha funda incrementa a autonomía do iPhone 5

martes, 5 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Un dos principais problemas que podemos atopar en smartphones como o iPhone 5 é que teñen unha batería interna que non pode extraerse, o que impide que poidamos ter unha batería secundaria para casos de emerxencia, de aí que xurdan solucións baseadas en baterías externas, que en moitas ocasións adoptan a forma de funda, e nesa liña chega o Juice Pack Helium de Mophie, que consiste nunha batería de 1.500 mAh para o iPhone 5, que consegue unha estética moi acorde co móbil de Apple limitando o seu grosor ao mínimo e ofrecéndose en 2 cores.
O modelo metálico escuro estará dispoñible dende o 14 de febreiro, mentres que o polo modelo prata haberá que agardar ao mes que vén, sendo para ambos o seu prezo de 79,95 dólares (58,86 euros).
Esta funda-batería para o iPhone 5 ten unha batería recargable por USB, o seu grosor é un 13% máis delgado que outras fundas semellantes, conta cun botón de acendido e apagado e na súa parte traseira ten uns LED que indican o seu nivel de carga. Cos seus 1.500 mAh de capacidade entenden que será posible incrementar a autonomía do iPhone 5 en 6 horas de conversa por 3G, en 6 horas de uso de Internet móbil, en 7 horas de uso de Wi-Fi, en 7 horas de reprodución de vídeo ou en ata 30 horas de reprodución de son.


Vídeo de presentación do Mophie Juice Pack Helium

PUBLICIDADE