Unha tese da UVigo debulla os riscos e as vantaxes dos smartphones na adolescencia

venres, 26 de maio do 2023 S. P.

Os smartphones ou teléfonos intelixentes son recursos tecnolóxicos que achegan moitas vantaxes mais tamén desvantaxes no seu uso cotián, o mal uso destes trebellos pode traer consecuencias perigosas para as persoas que os usen e máis no caso dos usuarios máis novos. Así o deixa ver un recente estudo levado a cabo pola investigadora da UVigo Sara Martínez. Na súa tese de doutoramento a educadora social analiza este “recurso multifunción, omnipresente na sociedade actual, especialmente nas xeracións máis novas”.
Sara Martínez analiza dende unha perspectiva socioeducativa o impacto destes teléfonos intelixentes entre as e os adolescentes, resultado deste ensaio realizado reivindica o papel da educación social para a prevención no seu uso.
A tese estivo dirixida pola profesora María Carmen Ricoy dentro do programa de doutoramento en Ciencias da Educación e do Comportamento da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense. “O problema de estudo céntrase en que malia o gran potencial do smartphone, o seu uso continúa tendo dificultades e perigos, polo que é relevante indagar sobre o tópico para visibilizar dita situación, así como para pór en valor as súas posibilidades”, afirma Sara Martínez. Engade que o smartphone “é un recurso moi utilizado na actualidade sobre todo por adolescentes, o seu uso aínda non está incluído como unha valiosa ferramenta educativa”.
O estudo levouse a cabo a través dunha metodoloxía maioritariamente cualitativa e baixo un enfoque narrativo, incluíndo as diferentes mostraxes feitas: 20 aplicacións móbil; arredor de 2000 novas de xornais dixitais; 36 adolescentes e 16 familias; 48 profesionais do corpo de profesorado de Educación Secundaria e 106 educadoras e educadores e adolescentes en acollemento residencial en centros de menores como medidas de protección.
Segundo a propia autora da tese, a conclusión tirada deixa ver que “o smartphone é un dispositivo móbil moi atractivo e interesante” para as e os adolescentes, tanto para o conxunto do colectivo como para os do Sistema de Protección de Menores. Na adolescencia realízase un uso informal do teléfono intelixente a través de diferentes e múltiples actividades. O uso deste dispositivo móbil por parte dos e das menores está asociado a patróns de praxes recreativas (redes sociais) e de xeito máis minoritario a un uso comunicativo e instrumental.
No dito estudo, a utilidade deste aparello está asociado a múltiples oportunidades e dificultades. Entre as primeiras, a investigadora salienta o desenvolvemento de actividades recreativas e comunicativas a través do uso de aplicacións móbiles (redes sociais). Nesta liña, entre as oportunidades, a investigadora sinala que “as e os adolescentes melloran o seu autocontrol, motivación, así como a regulación emocional”. Deste estudo despréndese que o uso do smartphone por parte das e dos adolescentes está fundamentalmente asociado a patróns de prácticas beneficiosas (principalmente vinculadas ao desenvolvemento da competencia dixital, á dispoñibilidade de recursos para o lecer e á promoción de sentimentos ou emocións). Pola contra, entre os aspectos negativos: “o efecto daniño que pode provocar no deterioro da saúde das e dos adolescentes (estrés, insomnio, obesidade, problemas posturais, deterioro visual, etc.) como condutas de dependencia e/ou adicción, problemáticas derivadas de condutas como o sexting, nomophobia e phubbing; dificultades económicas desencadeadas por excesivas compras en liña ou consumo de xogos de azar, etc.”. A educadora social indica neste punto que “cómpre sinalar o prexuízo nas relacións interpersoais, así como o resultado dun menor rendemento académico”.
A xa doutora pola Universidade de Vigo inclúe nas conclusións do seu traballo que “a tipoloxía de medidas de intervención desenvolvidas co smartphone son moitas, salientando: impulsar a alfabetización dixital, supervisión parental, etc”. As aplicacións educativas, detalla, “ofrecen múltiples oportunidades ás e aos adolescentes”, apuntando que, entre outros aspectos, “enriquecen o feedback comunicativo e axudan á organización da xestión no ámbito académico”. Asemade, as aplicacións facilitan ás e aos menores intercambiar materiais e información.
Dende a perspectiva da educación social, sublíñase que a prevención, intervención e acompañamento dixital pode conducir a “unha mellora substancial para aprender e mellorar hábitos e comportamentos dixitais e interiorizar pautas para un bo uso da seguridade na rede”. A doutora indica que é fundamental que as e os adolescentes realicen un axeitado uso do smartphone, co fin de aproveitar ao máximo as oportunidades que presenta este recurso. “Para iso, é necesaria a acción socioeducativa preventiva, que produce unha grande aprendizaxe para un uso do smartphone correcto e conveniente. Sinalan que toda a comunidade educativa debe avanzar na mesma dirección, sumando forzas e introducindo metodoloxías para a prevención de condutas perigosas, instruíndo así a todos os membros”, afirma Sara Martínez.

PUBLICIDADE