Unha tese da Universidade de Vigo, premiada na convención de produtos electrónicos máis importante do mundo

martes, 20 de marzo do 2012 Raquel Noya

Bravo, no centro, xunto cos seus directores de tese, Martín López Nores e Yolanda Blanco

Vivindo como vivimos no que se coñece como Sociedade da Información, non é raro comprobar como nos últimos anos todo está deseñado de maneira que mellore a nosa comunicación. Os móbiles, os ordenadores, os tablets, os GPS, a Rede, os vehículos... (e toda a tecnoloxía que os complementa) están pensados para que cada vez sexa máis doado comunicarnos cos demais sexa cal sexa a nosa situación no mapa ou no tempo.
No caso dos vehículos, hoxe falamos dunha tese de doutoramento xerminada na Universidade de Vigo que mellora as nosas necesidades de comunicación alén das urxencias, conectando entre si os automóbiles que se desprazan por rúas e estradas.
Esta tese do investigador Jack Fernando Bravo, vén de ser premiada no congreso de electrónica de consumo máis importante do mundo, celebrado nas Vegas, e propón unha serie de melloras para a comunicacións en redes vehiculares que, entre outras cousas, permite realizar chamadas e enviar sms entre usuarios dunha mesma rede para avisar en tempo real do que sucede nas vías.
Os directores de tese, Martín López e Yolanda Blanco, do grupo de investigación Servizos para a Sociedade da Información, que colaboran con Bravo na mellora e perfeccionamento deste proxecto, indican que a principal vantaxe deste sistema con respecto ás redes de telefonía e satélite “é que é de balde, xa que a conexión realízase directamente entre vehículos e non precisa dunha infraestrutura fixa”, aclararon.
De feito, o sistema pode soportar conexións de certa calidade a Internet e conversacións telefónicas entre vehículos a pé de estrada, “sen necesidade de recorrer ás redes de telefonía, é dicir, de xeito gratuíto”, afirma Martín López. Isto permite que as redes vehiculares, baseadas na comunicación directa entre vehículos, poidan ofrecer servizos a un custe menor que o das redes de telefonía móbil e por satélite.
O sistema deseñado por Bravo, afirman no DUVI, emprega mecanismos baseados nos sistemas automáticos de transporte público e privado, nos avances nos sistemas de información do tráfico en tempo real e nas novas políticas para compartir información e transporte entre usuarios con destinos similares.
O feito de ter recibido este premio supón unha garantía para que este grupo de investigación siga a perfeccionar o sistema de comunicación en redes vehiculares, do que xa existían investigacións previas, porén o seu desenvolvemento freouse debido á alta mobilidade e á variabilidade do tráfico, que reduciron o seu uso a mensaxes de seguridade entre usuarios da Rede.

PUBLICIDADE