Unha trintena de estudantes de catorce concellos participarán este venres 10 na Olimpíada Informática Galega

xoves, 9 de febreiro do 2023 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), en colaboración coas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo) e do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC), organiza este venres 10 de febreiro a Olimpíada Informática Galega 2023 (OIG 2023). Celebrarase de xeito presencial na Facultade de Informática da Universidade da Coruña (coa colaboración da Escola Superior de Enxeñaría en Informática do Campus de Ourense da UVigo e da Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC). A proba será en horario de tarde, de 17:00 a 20:00 horas, aínda que os participantes deberán estar na sede ás 16:00 horas. Todos os datos desta edición galega da competición témolos na súa web.
A axenda do certame é a seguinte:
16:00 h. Recepción de estudantes e acceso ás aulas
16:15 h. Benvida por parte do comité organizador e presentación da Olimpíada. Asistirán a vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade da UDC, María José Lombardía; o vicedecano de Organización Académica da Facultade de Informática da UDC, Óscar Pedreira; e a vicepresidenta do CPEIG e responsábel da OIG 2023, Susana Ladra. Entrega de credenciais de usuario/a e conexión á contorna de desenvolvemento da proba
17:00 h. Inicio da proba
20:00 h. Fin da proba
20:30 h. Acto de clausura, incluíndo a proclamación de gañadores/as, coa presenza do decano da Facultade de Informática da UDC, Mariano Cabrero, e o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
Os acompañantes dos participantes poderán asistir a unhas charlas sobre estudos e temas de admisión, bolsas ou axudas da UDC e da súa Facultade de Informática a cargo de María José Lombardía e Óscar Pedreira. A continuación, visitarán o CITIC, centro de investigación TIC da UDC recoñecido como centro singular do Sistema Universitario Galego, ademais de coñecer, e probar nalgúns casos, investigacións que se realizan.
Inscribíronse estudante de entre 14 e 19 anos da Coruña (3 participantes), A Estrada (1), Foz (1), Ferrol (1), A Baña (1), O Barco de Valdeorras (2), O Porriño (5), A Merca (1), Ourense (1), Ames (1), Santiago de Compostela (11), Teo (3), Vedra (1), e Vigo (1). Os estudantes proceden de 14 centros da comunidade galega:
A fase internacional celebrarase en Hungría a finais de agosto
A competición consta dun conxunto de problemas, xeralmente entre catro e seis. Cada problema deberá resolverse empregando unha linguaxe de programación que permita automatizar a súa resolución. Na OIG permítese o uso de C++, Python ou Java. Cada problema describirá un escenario onde os participantes deberán desenvolver un programa que o resolva, o que require coñecementos de deseño correcto e eficiente de algoritmos.
Os dous primeiros clasificados na OIG 2023 accederán de xeito directo á fase nacional da XXVII Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará do 24 ao 26 de marzo en Madrid. De aí, os gañadores poderán acceder á 35ª Olimpíada Internacional de Informática, que se celebrará en Szeged (Hungría) do 28 de agosto ao 4 de setembro.
A OIG 2023 está patrocinada por diversas entidades e empresas do sector TIC: AWS (Amazon-Apser), Concello de Coruña, Dinahosting, DXC Technology, GDI, Mindata, Minsait, NTT Data, Sixtema e Veritas. Grazas a estas entidades patrocinadoras, haberá premios adicionais para os seguintes postos na clasificación, ademais de para a mellor programadora feminina e para a/o mellor participante da ESO. Con posterioridade ao certame, celebrarase un acto de entrega de premios.

PUBLICIDADE